Friday 17 de May de 2024

Ambar presenta a IX Carreira pola Diversidade no Concello de Ribeira


Hoxe 5 de xullo ás 11:00h Milagros Pérez Rey, presidenta da Asociación Ambar das persoas con Diversidade Funcional estivo presentando a IX Carreira pola Diversidade xunto con Abraham Benítez, voluntario de Ambar; Joserra Figueira, responsable da área de Deporte de Ambar; Javier del Río e Marina Mondelo integrantes do Equipo de Running de Ambar.

O equipo de Ambar estivo acompañado durante o acto de Manuel Ruiz, alcalde do Concello de Ribeira.

As inscricións da carreira pechan mañá, xoves día 6 ás 23:59h. Aínda pode realizarse na páxina cronotec.es e na mesma plataforma está dispoñible a posibilidade de facer unha doazón solidaria a través do Dorsal 0.

A Carreira pola Diversidade celébrase este domingo 9 de xullo ás 10:00h na explanada de Coroso – Ribeira. Como complemento ás modalidades das categorías absoluta e inclusiva da carreira tamén se ofrece a posibilidade de realizar unha Andaina con mascotas, a cal iniciará dez minutos despois de comezar a carreira e consta dunha distancia de 3,3 km.

A recadación destinarase a renovar e completar o material deportivo do noso ximnasio no Centro de Recursos. Este material servirá para unha maior variedade e adaptabilidade das actividades coa finalidade de mellorar a forma e as capacidades físicas de todas as persoas.

Milagros Rey aproveitou a presentación desta mañá para agradecerlle a Manuel Ruiz toda a súa implicación como alcalde e como persoa, xa que sempre facilitou a organización da Carreira durante o tempo que se leva realizando. Quen desexe ver a presentación pode ve-lo directo na páxina de Instagram da Asociación Ambar, onde interveñen Manuel Ruiz e todo o equipo representante de Ambar.

Cronograma da IV Carreira pola Diversidade
9:00 Reparto de dorsais
10:00 Comeza a categoría absoluta coa distancia de 5Km
10:10 Saída da andaina de 3,3 Km
11:00 Categoría de 13 a 15 anos cunha distancia de 2Km
11:30 Categoría de 10 a 12 anos, ten unha distancia de 1Km
11:50 Categoría de 8 a 9 anos, distancia de 500 m
12:00 Categoría de 6 a 7 anos, distancia de 300 m
12:10 Categoría de 0 a 5 a nos, cunha distancia de 100 m
12:30 Entrega de premios